Trátase da igrexa parroquial máis antiga do concello de Sanxenxo. Data do século XVI e está erguida sobre outra igrexa anterior, de estilo románico do século XII da cal aínda se conservan restos dos seus muros. Dita igrexa románica foi erixida á súa vez sobre os restos dun templo romano adicado á deusa Minerva. A base deste templo pagán foi aproveitada polos construtores da Idade Media para construir a igrexa primitiva, o cal explica as súas grandes dimensións.
A igrexa está emprazada no cumio dun pequeno outeiro, ao borde da estrada, no lugar coñecido como “A Igrexa” (Adina). Accédese desde Portonovo, desde Arra ou desde a autovía do Salnés a través da estrada PO-9206.
É de crenza popular, que o topónimo "Adina" ten a súa orixe nun primitivo culto á deusa romana Minerva, copiada do culto grego a Atenea a cal máis tarde pasou a Atinna, para finalmente chamarse Adina. Pero o título da virxe, “Santa María Adigna”, titular da parroquia eclesiástica, non procede do xa mencionado topónimo de uso civil “Adina”, lugar onde se sitúa esta igrexa parroquial.
As orixes da advocación da Nosa Señora "a Digna" poderían ter relación coas oracións que se dirixían á Virxe, nas que se afirmaba que a nai de Deus é “digna de veneración” e “digna de louvanza”. Polo tanto a denominación orixinal Santa María a Digna, sufriu unha metamorfose co paso do tempo ao fusionar a partícula “a” con Digna, dando como resultado “Adigna”.
O adro da igrexa está rodeado na súa maior parte por grosos muros a modo de semicírculo. Neste lugar achábase ata mediados dos anos cincuenta o antigo cemiterio da parroquia, do que aínda se conservan algúns sepulcros. Por exemplo os que están adheridos á fachada sur da cabeceira do templo. Na seguinte foto extraída da película rodada en Portonovo nos anos 50 de título El Hereje, pódesde apreciar cómo era o antigo cemiterio:
Vista do adro da igrexa |
Torre campanario do s.XVIII |
II. ESTUDO ARTÍSTICO E ARQUITECTÓNICO DO INTERIOR DO TEMPLO
A igrexa de Santa María de Adina é unha edificación que destaca pola súa impoñente estrutura. A súa nave principal de forma rectangular, é de gran amplitude, cunha anchura de 7 metros e unha lonxitude de 19 metros, ademais de contar cunha notable altura que a fai sobresaír visualmente. A cabeceira (nave do altar), tamén de forma rectangular, contrasta coa nave principal ao ser máis baixa e estreita, o que engade un elemento de diferenciación arquitectónica interesante. Nesta cabeceira atópase o presbiterio (zona do altar).
A estrutura xeral da igrexa ábrese a tres capelas. Dúas delas,situadas nos pés da igrexa, son de menor tamaño e datan do século XVIII. A terceira capela, datada no século XVI, é de maior tamaño e destaca non só pola súa antigüidade, senón tamén pola súa relevancia arquitectónica e histórica. Máis adiante, ofreceremos unha análise máis detallada desta capela.
Teito |
O teito da igrexa é outro elemento digno de mención. Está formado por unha estrutura de madeira que se sostén mediante sete vigas tamén de madeira. Esta característica estrutural non só aporta unha sensación de robustez e estabilidade, senón que tamén contribúe á beleza estética do interior da igrexa, creando un espazo acolledor e impoñente ao mesmo tempo.
A CAPELA BAUTISMAL (s.XVIII)
Esta é unha capela aberta no século XVIII no muro sur e cuxa construción está ligada á da torre campanario.
O arco de acceso á capela, aberto directamente no muro, é sinxelo. Esta capela cóbrese cunha bóveda de canón de medio punto. No seu interior atopamos unha gran pía bautismal,sen decoración aparente, que posiblemente date do século XII, suxerindo que pertencía ao edificio orixinal. Esta pía utilizábase antigamente para bautizar aos nenos. Hoxe en día está en desuso e só se enche de auga bendita o Sábado de Pascua.
A capela tamén conta cunha pequena saeteira de derrame interno, que está adornada cunha vidreira.
No pasado, a entrada da capela estaba pechada por unha cancela formada por barrotes de madeira. De feito, se o visitante se achega ao lugar poderá observar nas pedras as marcas que os barrotes da mencionada cancela deixaron.
A CAPELA DA VIRXE DO ROSARIO (s.XVIII)
Xusto enfronte da capela bautismal, no muro norte, atopamos unha capela tamén do século XVIII que se abre de xeito simétrico e idéntico a esta. Trátase da capela da Virxe do Rosario.
O arco e a bóveda desta capela son iguais aos da bautismal. Nela atopamos un retablo de estilo barroco, inicialmente dedicado a Santo Antón Abade, pero que actualmente alberga a imaxe da Virxe do Rosario. Dito retablo foi repolicromado.Do mesmo xeito que a súa capela xemelga, esta tamén se atopaba pechada por unha cancela de barrotes de madeira.
OS MUROS
O muro sur da igrexa data maiormente do século XII e está composto por pedras que formaban parte do muro orixinal da antiga igrexa románica. Na metade do muro, aproximadamente, hai unha saeteira de derrame interno rematada en arco de medio punto, adornada cunha vidreira na que se pode ver unha pomba cun ramo de oliveira no pico e a inscrición "PAX IN TERRAE". No medio do muro, hai tamén unha porta pequena moderna de forma rectangular.
Neste mesmo muro, consérvanse os restos dun arco de medio punto que pertencía a unha porta románica do século XII, a cal foi tapiada no século XVI durante a remodelación da igrexa. Tamén se poden observar interesantes restos dun intento de engadir unha capela no século XVI, simétrica á situada no muro norte e de carácter funerario. Esta capela probablemente sería mortuoria e os restos inclúe nun capitel renacentista que servía de apoio ao arco de acceso á capela. O inicio desta obra tamén é perceptible dende o exterior da igrexa. Obra que no caso de rematarse outorgaríalle a esta igrexa unha planta de cruz latina, pero que por razóns descoñecidas foi suspendida e tapiada con pedras do antigo muro medieval.
Na esquina onde o muro sur se une coa cabeceira (nave do altar), atópase unha base de pedra que serve como soporte dun retablo barroco. Este retablo, que discutiremos máis adiante, alberga unha imaxe do século XVIII de San Miguel Arcanxo, moi venerada na parroquia pola súa importancia espiritual e cultural.
Falemos agora do muro norte. Aquí ábrese unha saeteira de derrame interno, datada no século XII e rematada en arco de medio punto. Ao contrario da outra saeteira, esta é moito máis estreita e tamén posúe unha vidreira. Ademais, consérvase un ambón pétreo semicircular do século XVIII, que ata hai polo menos 50 anos atrás era utilizado polo sacerdote para dar o sermón. O ambón tiña unha escalinata de pedra para acceder, aínda que nada dela se conserva actualmente. O ambón está apoiado nun anxo que toca unha trompeta. Crese que este anxo pertencía á capela funeraria aberta no século XVI (do que falaremos máis adiante) e que servía como baldaquino. Aínda que isto non está confirmado, é certo que o anxo de pedra foi trasladado dende outro lugar, pois a súa base é de ladrillo, indicando que foi retirado do seu lugar orixinal.
A CAPELA FUNERARIA (sXVI)
Esta capela, aberta no século XVI, foi claramente destinada a servir como sepultura para unha personalidade ou familia descoñecida, xa que carece de documentación ou inscricións que identifiquen os seus ocupantes. Pero crese que posiblemente foi mandado construír por Juan de Moraña e a súa esposa María Domínguez, aínda que tamén é moi probable que o mandara facer o seu fillo o capitán Sebastián Moraña.
O arco de acceso á capela está construído con perpiaños do propio muro, rematado por unha clave decorada coa representación do noso Señor mostrando as chagas das súas mans. A planta cadrada da capela está cuberta por unha bóveda de cruzaría, con cinco craves interconectadas en forma de cruz.
Respecto ás claves, a do norte mostra unha estrela circundada por flores tetrapétalas; a do sur, unha flor con botón central composta por catro grandes pétalos; a do leste, un sol con cara; a do oeste, unha lúa crecente tamén con cara; e a clave central, unha flor similar á do sur.
No muro este da capela consérvase un pequeno retablo pétreo, restos dun monumento funerario que previamente estivo no lugar. No recuncho suroeste atópase unha pequena pila. Dentro do monumento atópase unha imaxe de pedra da Virxe de Valvanera, confundida habitualmente coa Virxe da O, con restos de policromía. A ménsula inferior do baldaquino actualmente sostén a imaxe de San Brais. Sobre o baldaquino áchase un pequeno rosetón de derrame interno con celosía.
Laxe sepulcral |
Aos pés da estrutura atópase unha laxe sepulcral que data do século XVI, enmarcada por un marco de madeira e protexida por unha placa de vidro. Actualmente esta capela é a que alberga os confesionarios da igrexa.
Do mesmo xeito que as capelas que se atopan aos pés do templo, esta tamén se atopaba pechada por unha cancela de madeira. Aínda que este dato non é histórico senón máis ben contemporáneo, no muro oeste o visitante atopará un cadro da Anunciación de María inspirado no de Fra Angélico, realizado polo párroco don Manuel Pérez Blanco.
A CABECEIRA
Vista da cabeceira |
A antiga igrexa contaba cunha cabeceira de estilo románico do século XII pero que coa remodelación xeral do templo no século XVI foi substituída pola actual.
Como o lector pode observar na foto, ábrese cun arco triunfal apuntado que se sostén sobre dous capiteis, os cales continúan ao longo dos muros desta cabeceira para servir deste xeito de arranque aos dous arcos que sosteñen á bóveda de canón coa que dita cabeceira é cuberta.
No muro norte do presbiterio ábrese unha moderna porta do século XVIII que proporciona o acceso á sancristía, cuberta cunha bóveda de canón e de directriz paralela á nave da cabeceira.
No muro sur da cabeceira ábrense dúas pequenas saeteiras de derrame interno e rematadas en arco de medio punto adornadas con vidreira.
No fondo, atopamos o retablo maior do que falaremos mais detalladamente máis tarde, o cal é coroado coa imaxe da Asunción da Virxe, erguida ao ceo por pequenos anxos. O retablo tamén conta con imaxes de talla popular datadas no século XVIII que representan a San Xosé e a Santo Antón Abade. No centro unha imaxe de vestir da Nosa Señora.
Restos do baldaquino |
A fronte do altar, feita en pedra, pertencía ao monumento funerario do século XVI. Representa a dous anxos que están incensando á imaxe picada da Virxe coroada. Os rostros dos anxos tamén están picados. O remate superior desta peza está formado por flores carnosas e un groso cordón.
III. ESTUDO ARQUITECTÓNICO DO EXTERIOR DO TEMPLO
O exterior de la Igrexa de Santa María de Adina é un reflexo impresionante da súa rica historia e a súa evolución arquitectónica ao longo dos séculos. Este templo, que se erixe sobre unha pequena elevación de terreo, é visible a varios centos de metros de distancia .
FACHADA OCCIDENTAL
Vista da fachada occidental |
A fachada occidental da Igrexa de Santa María de Adina está erguida na súa maior parte sobre a primitiva do século XII. A portada foi substituída por outra no século XVI de dimensións moi semellantes á anterior. A actual porta renacentista remata en arco de medio punto, o cal carece de clave e está formado por 5 doelas. Sobre o arco da porta, sitúase unha imaxe pétrea da Virxe co Neno, coroada por un dosel con forma de cuncha de vieira e sostida por unha peana de 3 corpos que en forma de degradación adornada cun querubín na parte máis baixa.
Como xa mencionamos, ao sur elevouse no século XVIII a torre do campanario a imitación da de San Xenxo de Padriñán. Esta consta dun só corpo elevado sobre unha cornixa. Posúe un arco de medio punto en cada unha das súas 4 caras. O campanario remata nunha pequena cúpula pétrea coroada por un pináculo rematado en bola. Atopamos outros 4 pináculos rematados en bola nas catro esquinas.
AS CAMPÁS
Sobre o arco ao lado oeste do campanario, atópase a campá grande, que se destaca non só polo seu tamaño, senón tamén pola súa resonancia profunda e melodiosa. Esta campá é a que marca os momentos claves da vida parroquial como as tres badaladas que anuncian o inicio da eucaristía ou o toque do Ángelus, que se realiza diariamente ao mediodía.
Doutra banda, no arco sur sitúase a campá pequena, que complementa á grande cun son máis agudo. A combinación de ambas as campás, a grande e a pequena, produce unha harmonía que enriquece a experiencia espiritual e cultural da parroquia.
Agora describamos artisticamente as campás:
A campá grande, fundida no ano 1916, presenta unha inscrición no terzo que revela a súa data de fundición “AÑO DE 1916”. É probable que esta campá substituíse a unha anterior, xa que a súa data de fundición é relativamente recente en comparación coa antigüidade da torre, que data do século XVIII. A inscrición da data inclúe a frase "IHS MARÍA E JOSE", que fai referencia á Sagrada Familia, un recordatorio constante da devoción cristiá que impregna a vida da parroquia.
O pé da campá grande mostra a marca de fundición dos Ocampo, unha coñecida familia de fundidores cuxo taller con máis de 4 séculos de historia está situado en Arcos dá Condesa, Caldas de Reis.
A campá está ornamentada con cordóns ou bordados, e o seu xugo, relativamente novo, está pintado de marrón. Ademais, conta cun badalo que presenta un orificio ao que no seu momento se lle atou unha corda, permitindo que a campá puidese ser tanxida desde o chan mediante un mecanismo, evitando así ter que subir ao campanario. Actualmente este mecanismo xa non existe.
A campá pequena da Igrexa de Santa María de Adina sitúase no arco ao lado sur do campanario. Na parte superior da campá, do mesmo xeito que na grande atópase gravada a inscrición "IHS MARÍA E JOSÉ", que fai referencia á Sacra Familia, un símbolo central na tradición cristiá. Seguido disto, a data de fundición “AÑO DE 1913”. Sobre isto, atopamos ornamentos de cordóns.
A campá foi fabricada por Melchor Ocampo, un recoñecido fundidor que deixou a súa pegada en varias igrexas de Galicia.
Na parte frontal da campá, pódese observar unha cruz de calvario, un símbolo que reforza o seu carácter sacro.
O xugo da campá, relativamente novo e pintado de marrón, compleméntase cun badalo que presenta un orificio deseñado para atar unha corda. Este enxeñoso mecanismo permitía que a campá puidese ser tanxida desde o chan, facilitando o seu uso sen necesidade de subir ao campanario. Con todo, este sistema xa non existe.
Ambas campás contan actualmente cun electromazo da marca Belltron, o cal as fai soar de xeito automático cando hai defunto na parroquia. Non obstante o repenique manual aínda se conserva e tódolos domingos e días festivos estas campás son repenicadas a man de xeito alegre, emitindo no seu eco unha muiñeira de bronce que chega a tódolos confíns da parroquia.
Segundo se conta, estas impoñentes esculturas sonoras estaban orixinalmente destinadas á Igrexa de San Xenxo de Padriñán. Con todo, debido a un erro nas medidas durante a súa fabricación, as campás terminaron sendo colocadas no campanario de Santa María de Adina, onde permanecen dende entón, converténdose en parte integral da identidade desta comunidade parroquial.
A FACHADA SUR
Como xa mencionamos anteriormente cando estudamos o interior da igrexa e máis en concreto o muro sur, esta fachada, de altura considerable, está datada maioritariamente no século XII. Ten engadida a capela bautismal da que xa falamos, a cal presenta na súa cornixa un reloxo de sol. A cornixa, de estilo románico posúe 18 canzorros.
Os canzorros da igrexa de Adina poden presentar unha gran variedade de formas e decoracións, desde sinxelas ménsulas lisas ata elaboradas tallas con motivos vexetais, zoomorfos ou mesmo figuras humanas. Entre as seguintes figuras podemos distinguir a cabeza dun lobo coas fauces abertas mostrando a lingua, un personaxe sentado coas mans sobre as pernas, a cabeza dun animal, un personaxe sentado coa cabeza sobre as mans e a cabeza dun cabalo. Pero de entre todas estas figuras, a min chámame a atención moi en especial a que ten forma fálica, mostrando deste xeito a maldición da sexualidade no medievo.
Estas decoracións con canzorros eran comúns na arquitectura románica e servían para embelecer e enriquecer a aparencia exterior do templo. omo xa mencionamos anteriormente cando estudamos o interior da igrexa e máis en concreto o muro sur, esta fachada, de altura considerable, está datada maioritariamente no século XII. Ten engadida a capela bautismal da que xa falamos, a cal presenta na súa cornixa un reloxo de sol.
Canzorros da fachada sur |
O muro románico presenta unha saeteira de forma rectangular engalanada cunha vidreira e unha porta moderna. Do mesmo xeito que no interior, a fachada exterior sur posúe os restos dun arco que funcionaría como punto de aceso a unha capela que se tratou de engadir no século XVI.
A fachada da cabeceira (s XVI), cuxa cornixa é de bocel, posúe 2 ventás e unha que está tapiada.
A súa base é o muro orixinal do século XII, ao que se lle engadiron as naves da capela da Virxe do Rosario no século XVIII, da capela funeraria no século XVI, e da sancristía a finais do século XVIII.
Do mesmo xeito que no muro sur, os encargados de soster a cornixa románica son outros 18 canzorros con formas tales como un personaxe sentado coas mans nos xeonllos, a cabeza dun animal ameazante coas fauces abertas, a cabeza dun porco, a cabeza dun touro... O resto presentan formas xeométricas.
Consérvase neste muro medieval unha estreita saeteira de derrame interno.
A capela mortuoria do século XVI posúe un contraforte en cada esquina. O muro leste desta capela contén un pequeno rosetón de derrame interno.
IV. ESTUDO DOS RETABLOS E DAS IMAXES DA IGREXA
Habendo estudado xa os detalles arquitectónicos, históricos e artísticos da igrexa de Santa María de Adina, pasamos agora a estudar o patrimonio escultórico presente dentro da propia igrexa:
O RETABLO DO ALTAR MAIOR
Retablo maior |
Trátase do principal retablo do templo. Situado na cabeceira, ocupa toda a parede do presbiterio.
Está formado por un único corpo e posúe unha forma semicircular. Divídese en 3 rúas. A rúa central, de maiores dimensións, atópase delimitada entre 2 pilastras engalanadas con cintas, pámpanos e acios de uvas.
Trátase dun retablo barroco no que predomina o movemento e o decorativismo, sendo froito dun afán da época por cubrir os retablos con decoración de tipo vexetal a base de pámpanos, acios, froitas... Todo isto sobre un fondo que trata de imitar ao mármore.
O espacio principal está ocupado por unha hornacina de medio punto decorada con detalles vexetais e alumeada por unha gran vidreira moderna. Presidindo este espazo, atópase a imaxe da patrona, Santa María, e baixo ela o sagrario.
Retablo iluminado |
A parte superior do retablo, de forma semicircular, está cuberto por un entablamento saínte que se rompe xusto na banda central, pois nese oco atópase o fermoso conxunto escultórico da Ascensión e Coroación da Virxe pola Santísima Trinidade, delimitado entre dúas pilastras decorada con motivos vexetais. Este mencionado conxunto escultórico represéntase como unha cerimonia solemne.
A Virxe, de pé, sobre unha nube está subindo aos ceos acompañada por un séquito de anxos. A Virxe está sendo coroada por Deus Pai e Xesucristo en presencia do Espírito Santo, representado como unha pomba branca.
As dúas rúas laterais, atópanse ocupadas por hornacinas coroadas por un abanico de vieira. Estas hornacinas acollen as imaxes, por un lado de San Xosé co Neno, e por outro Santo Antón Abade.
TALLA DE SANTA MARÍA (s.XVIII)
A imaxe de Santa María, venerada como a Nosa Señora de Adina ou Santa María a Digna, corresponde á imaxe da patroa da igrexa así como da parroquia.
Esta escultura destaca pola súa detallada representación e os elementos simbólicos que enriquecen o seu significado devocional. A imaxe da Virxe María atópase coroada, símbolo da súa realeza e o seu lugar destacado no ceo. Sostén ao Neno Xesús co seu brazo esquerdo, un xesto que manifesta o seu rol maternal e protector. Co brazo dereito, a Virxe sostén un ramo de flores, o cal engade un matiz de pureza e fragrancia espiritual, elementos frecuentemente asociados coa Virxe María na iconografía cristiá.
Esta escultura é unha talla de vestir, ou de candelero, o cal significa que só as partes esenciais como o rostro e as mans de María e o Neno están esculpidas con detalle. Esta técnica permite vestir a figura con roupaxes, cambiándoos segundo as festividades ou momentos litúrxicos, o que confire á imaxe unha gran versatilidade e dinamismo na devoción popular.
O vestido e o manto que cobren a figura están confeccionados nun tecido branco, adornado con bordados en ouro que resaltan a súa elegancia e solemnidade. Este detalle non só embelece a imaxe, senón que tamén subliña a devoción e o respecto que os fieis teñen cara á Virxe. O cabelo da Virxe é real. Este recurso, común en moitas imaxes relixiosas, busca facer máis tanxible a presenza do santo, neste caso María, achegando aos devotos á súa figura cun sentido de humanidade e proximidade.
TALLA DE SAN XOSÉ (s.XVIII)
A talla de San Xosé atópase na hornacina dereita do retablo maior, representando unha escena cargada de tenrura e simbolismo. Esta imaxe destaca ao santo no seu papel de protector e guía de Xesús durante a súa infancia, unha figura fundamental na Sagrada Familia e na tradición cristiá.
San Xosé aparece acompañando ao Neno Xesús, reflectindo a súa condición de mestre e condutor durante os primeiros anos de vida do Salvador. Na súa man esquerda, San Xosé sostén o seu atributo principal: unha vara de azucenas florecidas. Este símbolo é tradicionalmente asociado coa pureza e a castidade, virtudes que caracterizan a San Xosé. A man dereita do santo póusase amorosamente sobre o ombreiro dereito do Neno Xesús, un xesto que evoca protección, agarimo e responsabilidade paternal.
O Neno Xesús, erguido sobre a bóla do mundo, eleva os brazos en sinal de bendición, simbolizando a súa divindade e a súa misión redentora para toda a humanidade. Esta postura tamén subliña o seu papel como Salvador e Rei do Universo, a pesar da súa infancia. A bóla do mundo sobre a cal se sostén indica o seu dominio sobre toda a creación.
En canto a ornamentación, San Xosé ten sobre a súa cabeza unha aureola mentres que o Neno presenta unha coroa con forma de cruz.
Estivo moitos anos sen procesionar debido ao pequeno tamaño da súa antiga anda procesional e ao mal estado que esta presentaba. Na actualidade, esta imaxe pode participar novamente nas procesións da parroquia grazas á fabricación dunha nova anda.
TALLA DE SAN ANTÓN ABADE (s.XVIII)
A talla de San Antonio Abade ou San Antón, sitúase na hornacina esquerda do retablo maior, presentándose como unha figura venerable e cargada de simbolismo.
Santo Antonio Abade represéntase como un ancián barbudo, vestido co hábito dos Antonianos, unha túnica escura, adornada coa Tau (T), unha cruz distintiva que simboliza a vida monástica e o compromiso coa fe.
Na súa man esquerda, San Antonio sostén un libro, símbolo da súa sabedoría e coñecemento espiritual. Este atributo subliña o seu papel como erudito e guía espiritual, así como o de home dedicado ao estudo das Escrituras e á vida contemplativa. Na man dereita, porta un bastón, un símbolo da súa autoridade espiritual. O xesto de levantar lixeiramente o dedo maimiño engade unha nota de delicadeza e detalle á figura.
Aos pés do santo, atópase outro elemento que o identifica claramente: un porco. Este animal é un atributo tradicional de San Antón Abade pois existe unha lenda que conta como San Antonio curou a un porco que estaba cego. Despois da curación, a modo de agradecemento, o porco non se apartou do seu lado, converténdose no seu fiel compañeiro. Esta historia reforza a idea da compaixón e o coidado que San Antonio tiña cara aos animais.
San Antonio, é coñecido como o patrón dos animais e protector do gando pois pasou gran parte da súa vida no deserto como eremita, vivindo en estreito contacto coa natureza e os animais. A súa vida solitaria no deserto levouno a desenvolver unha relación especial cos animais salvaxes, que se vían atraídos pola súa santidade e paz.
Como xa mencionamos orixinalmente, Santo Antón contaba co seu propio retablo, o que actualmente ocupa a Virxe do Rosario, pero actualmente preside o retablo do presbiterio, pois segundo a tradición a Virxe María ten que estar custodiada por dous santos varóns, e como as tallas que antigamente ocupaban o retablo foron retiradas da Igrexa por deterioración, o párroco don Joaquín considerou trasladar esta fermosa talla para presidir o retablo maior xunto a San Xosé, para deste xeito enviar á Virxe do Rosario (cuxo retablo, idéntico ao de San Miguel, fora retirado por deterioro) ao retablo do santo.
San Antón Abade é un santo moi venerado na parroquia xa que é coñecido como o patrón dos animais domésticos. Nas parroquias rurais, onde a vida e o sustento están estreitamente vinculados á agricultura e a gandería, como era e segue a ser o caso da parroquia de Adina, a protección dos animais é crucial.
O RETABLO DE SAN MIGUEL
O retablo dedicado a San Miguel, santo que conta cunha gran devoción entre os veciños de Adina, atópase no muro sur, descansando na esquina que se une á cabeceira, sobre un altar de pedra. Este retablo, de estilo barroco e que foi repolicromado, presenta unha estrutura dun único corpo cunha hornacina central. Esta hornacina atópase flanqueada por pilastras e capiteis corintios decorados con motivos vexetais como uvas, acios, follas de vide...
O arco de medio punto da hornacina sostense sobre dous querubíns, o cal engade un toque celestial e protector á estrutura reforzando o carácter sacro do retablo e subliñando a divindade de San Miguel, representado na hornacina central.
No frontón superior do retablo, atopamos dúas figuras clásicas que representan a San Pedro e a San Pablo. Figuras emblemáticas do cristianismo que simbolizan a fundación da Igrexa e a difusión do Evanxeo.
Baixo a imaxe de San Miguel ubicada na hornacina central, represéntase un relevo co tema do Bo Pastor. Este relevo simboliza a protección dos homes por Cristo. Xesús aparece de pé, portando sobre os seus ombreiros á ovella descarriada. Esta escena é profundamente significativa, xa que representa o amor e a misericordia de Cristo cara a todos os fieis, especialmente aqueles que se apartaron do camiño. O Bo Pastor é unha imaxe recorrente na arte cristiá, evocando o coidado e a guía espiritual que Xesús ofrece ao seu rabaño.
Existía un retablo moi similar ao de San Miguel no muro norte, xusto enfronte do actual retablo de San Miguel, dedicado á Virxe do Rosario. Este retablo foi retirado a principios dos anos 80 debido ao seu deterioración, por mandato do párroco don Joaquín. Na seguinte foto pódese observar como era dito retablo:
TALLA DE SAN MIGUEL(S.XVIII)
San Miguel Arcanxo, recoñecido por ser un anxo especial na tradición cristiá, é representado maxistralmente nesta talla:
Vestido cunha impoñente armadura superior e un robusto casco romano, San Miguel empuña unha espada na súa man dereita, símbolo do seu papel como guerreiro divino. Baixo os seus pés, xace derrotado un demo antropomorfo, cuxo tridente e xesto de temor ao cubrirse a cara coa súa outro brazo revelan o seu fracaso ante o arcanxo. Os detalles meticulosos do demo resaltan a súa malevolencia e desesperación, contrastando coa determinación firme e serena de San Miguel.
A composición da talla irradia dinamismo e tensión. San Miguel inclínase lixeiramente cara á dereita, capturando o momento culminante da batalla espiritual. A súa postura reforza a sensación de acción e vitoria sobre as forzas malignas. A base da escultura mostra a ensamblaxe para a súa colocación en andas, indicando o seu deseño práctico para ser levada en procesión durante celebracións relixiosas.
O RETABLO DA VIRXE DO ROSARIO
O retablo da Virxe do Rosario, coñecido antigamente como o retablo de San Antón, é unha peza central na capela do século XVIII adosada ao muro norte da igrexa de Santa María de Adina. O retablo está composto por dous corpos, cada un cunha hornacina central. A hornacina superior actualmente está baleira, pero segundo os relatos dos veciños de maior idade, adoitaba albergar unha pequena talla de San Brais. Esta talla foi trasladada á capela mortuoria, deixando a hornacina superior desocupada.
A hornacina do corpo principal do retablo está flanqueada por dous pares de columnas salomónicas decoradas con motivos vexetais e capiteis corintios. Esta hornacina, de menor tamaño que a imaxe da Virxe do Rosario que actualmente a ocupa, estaba orixinalmente deseñada para albergar á talla de San Antonio Abade.
TALLA DA VIRXE DO ROSARIO (s.XVIII)
En canto á súa iconografía, a Virxe do Rosario é representada sostendo ao Neno Xesús na súa man esquerda, simbolizando a súa maternidade divina. Este xesto resalta a proximidade de María cos fieis, lembrando a todos que ela é unha nai protectora e amorosa. Na súa man dereita, a Virxe sostén un rosario, que non só é un atributo característico desta advocación, senón que tamén simboliza a importancia da oración na vida cristiá. O rosario convida á meditación e á reflexión sobre os misterios da vida de Cristo e de María, converténdose nunha ponte entre o humano e o divino.
A imaxe está coroada, o que simboliza a súa realeza celestial. A coroa é un signo de honra que resalta o papel de María como Raíña do Ceo, un título que lle confire un lugar especial na devoción cristiá. Ademais, a talla presenta pelo natural, un detalle que engade un toque de realismo e humanidade á imaxe, facendo que os fieis sentan máis conectados con ela. Posúe un aspecto case idéntico ao da talla da Nosa Señora.
RETABLO PÉTREO DA VIRXE CO NENO
Ubicado no muro leste da capela funeraria do século XVI. Trátase dun retablo de pedra, notable pola súa estrutura e o seu contido.
Está dividido en dous corpos, cada un coa súa propia significación e elementos distintivos. O corpo inferior está ocupado pola imaxe de San Brais, talla que foi restaurada e que anteriormente atopábase na casa reitoral de Adina. A restauración desta imaxe non só permitiu a súa preservación, senón que tamén revitalizou a devoción cara a este santo, integrándoo de novo no contexto litúrxico e devocional da igrexa.
Na parte superior atópase a imaxe pétrea da Virxe da Valvanera, que algúns veciños confunden coa Virxe da "O". Esta imaxe está coroada, o que simboliza a súa realeza, e sostén ao Neno en brazos. Na súa man esquerda, a Virxe leva unha mazá, un símbolo que pode ter múltiples interpretacións, desde a representación do pecado orixinal ata a redención a través de Cristo.
Orixinalmente, o retablo estaba policromado. Actualmente só se poden observar restos de policromía. Os restos de cor permiten imaxinar como a obra puido ser percibida na súa época de esplendor, con cores vivas que destacaban as figuras e detalles, facendo o retablo aínda máis impresionante e atractivo para os fieis.
TALLA DE SAN BRAIS (s.XVII)
Finalizamos o estudo da igrexa de Adina coa imaxe de San Brais, unha obra do século XVII que destaca pola súa calidade artística e a súa relevancia histórica. Esta talla, realizada en madeira frondosa, é un exemplo notable da escultura relixiosa da época e foi coidadosamente restaurada para preservar a súa integridade e beleza.
San Brais é unha talla directa en madeira frondosa, traballada cunha técnica de policromía de amorne ao ovo sobre unha preparación magra. Este método de policromía, común na época, utiliza xema de ovo como aglutinante para os pigmentos, o que proporciona á pintura unha durabilidade e un brillo característicos.
San Brais é coñecido como un santo sanador, especialmente protector das enfermidades da gorxa. A imaxe reflicte este papel, coa man do santo dirixíndose cara á súa propia garganta. A talla presenta a San Brais cunha mitra vermella e dourada, simbolizando o seu rango episcopal. Viste un alba clara, unha sotana e zapatos negros, elementos que reforzan a súa identidade clerical.
É probable que a imaxe portase un báculo pastoral, aínda que este elemento desapareceu co tempo. A escultura está deseñada como un bloque, coa parte posterior completamente plana, o que indica que foi concibida para ser exposta nunha hornacina. As pregaduras da vestidura son ríxidos, un trazo típico da escultura da época.
- REDACTADO POR GUILLERMO RODIÑO REQUEJO (2025)