O obxectivo fundamental deste espazo na rede é manter informado ao feligrés das últimas novas e darlle acceso á folla parroquial sen necesidade de desprazarse ao taboleiro de anuncios. Para iso, esta publicación dixital actualízase e mellórase cada día, servindo como unha ferramenta útil de comunicación tanto para foráneos como para veciños.
A orixe do blog remóntase a decembro de 2011, cando o párroco, Don José García Campaña, mostrou interese e desexo de que a comunidade parroquial contase cun espazo virtual na rede accesible para todos aqueles que precisen información sobre esta feligresía galega, pertencente ao Arciprestado de O Salnés na Arquidiocese de Santiago de Compostela. David Leiro Magdalena, graduado en Xornalismo pola Universidade de Santiago e que foi sacristán de Don José, creou e administrou dito blog ata o ano 2025. Actualmente o cargo de administrador reside sobre Guillermo Rodiño Requejo.
Esta é unha bitácora dixital onde se informará dende calquera lugar do mundo sobre os horarios das misas, onde se poderá coñecer máis sobre a nosa historia, costumes, devocións, así como a nosa ubicación, horarios de culto, catequese, festas e outros datos de interese e importancia.
O uso dunha ferramenta tan poderosa e de tan longo alcance como é Internet ofrece a posibilidade de chegar a moitas persoas arredor do mundo de maneira eficaz e inmediata, os 365 días do ano, as 24 horas do día. O actual párroco de Adigna de Portonovo, Don Manuel Pérez Blanco, considera que esta labor debe continuar como foi disposto polo seu predecesor. Na Comunidade Parroquial temos moi presente que Internet, empregado como ferramenta de difusión e evanxelización no mundo de hoxe, é un valor fundamental na Igrexa do século XXI, polo que queremos contribuír a anunciar a nosa fe en Cristo, na súa Nai e na Igrexa.